Thursday 02 de May de 2024

A Xunta participa na comisión Hispano-Lusa que prepara o vindeiro Cumio Ibérico


-O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión preparatoria para o vindeiro Cumio Ibérico Hispano-Luso que se celebrará na localidade estremeña de Trujillo en outubro

– Galicia presentou as prioridades estratéxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e sinalou que é a área de cooperación con maior dinamismo da fronteira e a máis beneficiada con 85 proxectos e máis de 163M€

– As conclusións da Comisión Hispano-Lusa incorporan a mellora nas conexións de redes de gas para permitir o desenvolvemento do hidróxeno verde

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na XIII Reunión da Comisión Hispano-Lusa para a Cooperación Transfronteiriza preparatoria do vindeiro Cumio bilateral entre España e Portugal que se celebrará a finais de outubro deste ano.

Na reunión participaron os representantes das Comunidades Autónomas de Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía, e os representantes das Comisión de Coordinación e Desarrollo Rexional do Norte (CCDR-N), Centro, Alentejo e Algarve. A reunión foi copresidida polo director xeral dos Asuntos Europeos do Ministerio de Negócios Estrangeiros de Portugal e pola secretaria xeral técnica do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación de España.

A Xunta destacou as prioridades reflectidas no documento consensuado coa de Portugal que se enviaron aos gobernos español e portugués para ser tidas en conta no próximo Cumio Ibérico Hispano-Luso. As propostas amosan as necesidades reais e actuais na Eurorrexión.

Na reunión debatéronse, entre outros puntos, o desenvolvemento da Estratexia Común para o Desenvolvemento Transfronteirizo, e a importancia de seguir apoiando un crecemento sostible, intelixente e integrador de acordo coas prioridades contidas nos Plans de Recuperación e Resiliencia, a axenda europea en política de cohesión ou o Pacto Verde Europeo. Tamén se destacou o papel decisivo da financiación do Programa POCTEP para o desenvolvemento da raia luso-española e analizáronse os elementos do novo período de financiamento 2021-2027.

O director xeral rematou a súa intervención insistindo na necesidade dunha discriminación territorial positiva ao territorio de fronteira da Eurorrexión, recoñecendo a súa elevada permeabilidade social, a súa dinámica económica específica e a identidade cultural compartida, profundamente afectadas no contexto das medidas de confinamento na xestión da crise da pandemia.

Retos de futuro
A Xunta demandou a ambos Estados que se intensifiquen os esforzos ante a Comisión Europea para fixar a dotación financeira nos futuros programas, así como para que se identifiquen as áreas territoriais que serán beneficiarias, defendendo manter o territorio elixible dos períodos anteriores, que contribuirá á consolidación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Incidiu na necesidade de intensificar a cooperación transfronteiriza en materia de infraestruturas, como a conexión ferroviaria de alta velocidade, a aposta conxunta da Eurorrexión pola promoción turística do Camiño portugués, o fomento de proxectos de desevolvemento económico conxuntos, e unha maior articulación dos servizos colectivos de proximidade nas rexións de fronteira, no ámbito científico e da actualización da RIS3 Transfronteriza, da transición enerxética e ecolóxica, apoiando, por exemplo, o desenvolvemento do hidróxeno verde como vector enerxético de futuro.

Entre as demandas da Eurorrexión, a Xunta tamén destacou a importancia de manter a cooperación na xestión da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurês, no ámbito da economía azul, a mellor articulación entre os modelos de desenvolvemento, certificación e xestión forestal, así como na vertente da prevención e protección civil. Por último, reclamouse a promoción e divulgación das manifestacións culturais e creativas e a abordaxe conxunta dos impactos do cambio demográfico.
O Cumio Ibérico entre os Gobernos de España e Portugal celebrarase en Trujillo no mes de outubro.